Presentación de “Despois das ondas”, na Coruña

Categoría: Nova

O martes 24 de maio, celebrarase, na Sala de Exposicións Municipal do Kiosco Alfonso, programada na exposición María Casares actriz océano, da Coruña, a presentación de Despois das ondas, de Ernesto Is.
Acompañando o autor, estará o autor e dramaturgo Manuel Lourenzo.
Publicada na colección Teatro de Editorial Galaxia, esta obra mereceu o XVIII Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais 2017.
Hoxe, cando María Casares faría cen anos, lembrar o seu paso polo mundo resulta tristemente necesario. Coa extrema dereita rediviva e medrada, as figuras que converteron o antifascismo en motivo vital e en obxectivo persoal amósansenos como exemplos de integridade ética e altura moral. Velaí María Casares, esa mociña que vive un exilio que traumatiza a súa familia e que é consciente ata a fin dos seus días da súa condición de símbolo antifascista. Non é fácil cargar ao lombo con toda esa conciencia simbólica, porque as vidas, en fin, antes que da Historia, son das persoas que as viven. Ese é o punto de vista maxistral de ‘Despois das ondas’, e, ademais, o indubidábel motivo do seu éxito; adianta a escritora e crítica teatral Inma López Silva, no prólogo do libro.
Tras corenta anos no exilio, María Casares regresa á patria da súa infancia convertida nunha grande intérprete, e no símbolo da España refuxiada, coa lembranza dunha Galicia entre as brétemas do pasado. Será nesa néboa onde a actriz deberá internarse para atopar o significado dunha vida chea de éxitos e perdas, onde as pantasmas que camiñan pola súa memoria axudarana a responder á verdadeira razón desta viaxe: quen é María Casares?
Este libro indaga na figura da María Casares máis descoñecida, muller afouta e valente. Atopámonos perante a primeira peza dramática longa en galego sobre a vida e a carreira da actriz, unha das creadoras máis influentes do século XX.
En 2019 foi estreada pola compañía ButacaZero, con dirección de Xavier Castiñeira, no Teatro Colón da Coruña, cidade natal da protagonista, e a onde nunca puido regresar, e que se reedita no centenario de María Casares.
Unha obra dedicada “ás persoas que tiveron que fuxir, ás que aínda foxen e ás que -algún día- serán as últimas que o fagan”.
Ernesto Is (Xixón, 1988) é dramaturgo, narrador, dinamizador cultural e profesor de teatro e escrita dramática. Titulado superior en Dramaturxia pola ESAD de Galicia, ten estudos de realización e produción audiovisual. Recibiu os premios Abrente, da MIT de Ribadavia (2016, ex aequo), pola obra “Fendas” (que volveu gañar en 2021), o Rafael Dieste de Textos Teatrais (2017), por “Despois das ondas”, monólogo sobre a actriz María Casares, que foi levado a escena por ButacaZero en 2019, por cuxa montaxe foi candidato ao mellor texto orixinal nos XXIV Premios María Casares da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Das súas publicacións destacan a peza de teatro documental Relato para un incendio, ao abeiro da primeira bolsa de dramaturxia e creación da Agadic, “El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas” (2017), “Hotel Europa” (2022) e “O péndulo” (2022).

Comparte nas túas redes sociais ou por email