Presentación de “Aura 1964”, no Club Faro de Vigo

Categoría: Nova

O venres 5 de novembro, celebrarase, ás 20 h, no MARCO, en Vigo, a presentación de Aura 1964, de Ignacio Vilar, organizada polo Club Faro.
Acompañando o autor, estarán o profesor titular na Facultade de Filoloxía e Tradución da Uvigo, Manuel Forcadela; e a psicoanalista e membro da Asociación Psicoanalítica de Galicia, Camila Vidal Gutiérrez.
O primeiro guión publicado antes de rodar a película.
Con este título a editorial inaugura no seu catálogo a colección Guión na que aposta pola publicación de textos escritos para o cine.
A Editorial Galaxia aposta a favor da memoria histórica con “Aura 1964”, de Ignacio Vilar,  guión da súa nova película, e un proxecto apoiado polo Creative Europe Media (programa deseñado para o apoio do cinema europeo).
As lectoras e lectores poderán ler o guión cinematográfico antes de asistir á estrea da película. Unha novidade sen precedentes, xa que esta é a primeira vez que se publica, no Estado Español, antes o guión do filme que a estrea en cines.
O cineasta Vilar, que xa nos ten acostumados a éxitos como A esmorga (2014, producida tamén por Editorial Galaxia), baseada na novela de Eduardo Blanco Amor, primeira longametraxe rodada en galego e nominada aos Premios Goya ao Mellor Guión Adaptado, e premiada no XXFestival du Cinéma Espagnol de Toulouse ao Mellor Director (ad hoc), Mellor Interpretación Masculina e Mellor Fotografía, non dubidou en dar o paso e compartir con todas e todos este fabuloso guión.
“Ningún ditado pode sufocar a sede de liberdade dun neno”. Esta é a frase que enmarca a portada do título; toda unha declaración de intencións do cineasta que, a través destas páxinas, achéganos a unha realidade marcada polo adoutrinamento, a mentira e a aldraxe da dignifidade en nome de Deus e da patria fascista. España, 1964. Un ano no que a ditadura celebra os seus “25 años de paz” baixo o réxime franquista.
A través dos seus ollos e vivencias, Siro, o protagonista, amosará como era o ambiente da época, opresiva e abafante, na que a sociedade se viu obligada a subsistir. Unha situación á que, a través da rebelión, o mozo e os seus amigos Cosme e Berto, despregarán a súa maxia adolescente vivindo momentos de iniciación e descubertas, nunha búsqueda constante da liberdade.
Unha maneira completamente distinta de acceder á historia, xa que un guión non se le da mesma maneira ca outros libros. As lectoras terán que construír a película a través da palabra e a propia imaxinación, coas súas cores e imaxes.
Ignacio Vilar (Castrofolla, Petín de Valdeorras), non precisa moitas presentacións, xa que é un dos nosos cineastas máis consolidados, cunha traxectoria impecable ao longo de sete longametraxes, na que o universo galego está sempre no centro. Aos dezaoito anos trasladouse a Cataluña, onde colaborou na creación dunha escola de cine na Universitat de Barcelona. En 1989 recibiu o Premio Carlos Velo polo guión Ollo birollo e en 1990 fundou a produtora Vía Láctea Filmes, para a que dirixe curtametraxes e longametraxes cinematográficos. Entre a súa filmografía destacan películas como Ilegal (2003), Un bosque de música (2004), Pradolongo (2008), Vilamor (2012), Sicixia (2016) e María Solinha (2020).
En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu compromiso no fomento da lingua e cultura galegas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email