Presentación de “A abertura da boca”, en Santiago de Compostela

Categoría: Blog

O martes 28 de decembro, celebrarase, ás 20 h, a presentación do poemario A abertura da boca, de Carlos Callón, na libraría Pedreira, organizada, en colaboración, coa Agrupación Cultural O Galo.
Acompañando o autor, estarán os escritores Serxio Abalo e J. M. Dopazo, e María Antonia Pérez, en representación da A. C. O Galo.
Co poeamario A abertura da boca, Callón sente que “fecha unha etapa”, tras os volumes Atravesar o fantasma e Inscricións (este último, tamén editado por Galaxia, en 2019). O título da obra fai referencia a un ritual relixioso que existiu no Antigo Exipto (a abertura da boca ou uep-rá), polo cal se conseguía que unha momia recuperase as funcións de se alimentar, comer, beber, respirar e ollar, ou que unha estatua cobrase vida. Callón sinala que “convocou esta metáfora” para “traballar a través dela a fraxilidade e a procura dunha saída á falta de desexo que caracteriza a depresión”.
Callón explica que a primeira versión do poemario xa estaba terminada antes da pandemia, mais que a obra acabou por ser modificada tras a irrupción da covid19. “Penso que é útil que se faga agora pública, porque estamos nun momento onde cómpre falarmos colectivamente das nosas fraxilidades para podermos seguir adiante”, indica.
O poeta considera que se trata dun libro “cunha certa dureza, pois é testemuño dunha dor que non se deixaba asimilar”, mais que “fronte ao que non podemos dixerir nin nomear, podemos tentar a invención a partir das palabras”. Na súa opinión, “se a poesía aínda é tan útil é por ser un xeito de rompermos a linguaxe para así falarmos daquilo para o cal a linguaxe non é suficiente”. Por iso, segundo Callón, tamén se pode dicir que “estes poemas son os esconxuros dun artificieiro: hai a sensación de que a bomba podería estourar, mais non estourou”. “Podo afirmar, pois, que me salvou abrir a boca”, sinala, facendo un xogo co propio título da obra.
Que o libro sexa un “testemuño da fraxilidade” fai que o autor considerase necesario escribir un pequeno prefacio para estes versos. Nese prólogo indícase: “A que aquí se esborrancha foi, con efecto, unha certa estadía nun certo inferno. Polo menos, non fiquei a vivir alá. Non é pouco. Non é pouco.”
Carlos Callón é profesor de Xeografía e Historia no Instituto Espanhol de Lisboa. Doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa e presidente de Honra da Mesa pola Normali­zación Lingüística. Publicou, entre outros, os libros Amigos e sodomitas (2011), Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012) e Inscricións (2019).

Comparte nas túas redes sociais ou por email