Neira Vilas presenta o seu epistolario na Coruña

Categoría: Nova

Xosé Neira Vilas presenta mañá venres o seu último libro, 'Cartas de vellos amigos', no Centro Asociado UNED-A Coruña.
Estará acompañado pola directora do centro, Susana Blanco, polo director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o académico Xosé Luís Axeitos e Dolores Vilavedra, autora do limiar do libro.
No acto, daranse a coñecer as claves dun libro no que se recolle a correspondencia recibida por Xosé Neira Vilas desde 1959 ata 1998. Trátase dun documento de excepción pola personalidade dos correspondentes e polo seu valor como testemuño dunha parte importante da historia da Galicia do século XX.
No libro aparecen máis de 40 correspondentes, entre eles, Eduardo Blanco Amor, Celso Emilio Ferreiro, Ramón Otero Pedrayo, Luís Seoane, Ricardo Carballo Calero, Ramón Piñeiro e Carlos Velo, o que fai que, en conxunto, sexa un documento de gran valor para dar a coñecer a historia cultural de Galicia da segunda metade do século pasado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email