Inauguración da exposición VIGO, CIDADE DO MAR AMADO

Categoría: Nova

Trátase dunha iniciativa da Concellería de Turismo do Concello de Vigo incluída no Plan de Competitividade Turística de Vigo, coa colaboración da Concellería de Patrimonio, e coa produción de Merlín Comunicación, do grupo Editorial Galaxia. Estamos diante dunha mostra concibida como unha presentación de Vigo ás persoas que nos visitan, na que se ofrece unha narración sintética da súa formación histórica como principal cidade e porto de Galicia, unha presentación de Vigo, como ben resumiu Francisco Fernández del Riego, como "unha cidade que vive coa ollada posta no Atlántico e co corazón na terra".

Vigo, cidade do mar amado componse de 23 paneis con diferentes perspectivas:
— Paneis que achegan unha ollada de etapas ou acontecementos relevantes na historia de Vigo, como as súas raíces na prehistoria e o Vicus romano, o episodio da Reconquista, a batalla de Rande ou o compromiso dos seus cidadáns e cidadás coas liberdades, a democracia e o autogoberno de Galicia.
— Paneis que, facendo referencia a biografías de persoeiros de gran relevancia, que ademais dan nome a algunhas das principais rúas da cidade, permiten ilustrar momentos significativos do Vigo do seu tempo, como os referidos a Elduayen, Urzaiz, García Barbón e Policarpo Sanz.
— Paneis que dan conta do vencello e achega da nosa cidade coa cultura de Galicia a través de figuras como Martín Codax, Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Álvaro Cunqueiro, ou a potencia das súas industrias editoriais e xornalísticas.
— Paneis que nos achegan aos fitos escultóricos e os estilos arquitectónicos presentes na trama urbana de Vigo desde o eclecticismo ao modernismo, o racionalismo ou o movemento moderno.
— Paneis que describen a conformación de Vigo como cidade portuaria, mercantil e industrial ,e tamén as súas perspectivas de futuro no século XXI.
Adicionalmente hai 5 paneis que ofrecen aos visitantes itinerarios polas principais rúas e prazas da cerna da nosa cidade, deténdose na súa arquitectura, espazos verdes e elementos escultóricos, como convite para percorrer con vagar a súa historia no seu plano urbano.

Comparte nas túas redes sociais ou por email