Homenaxe institucional a Xaime Isla Couto

Categoría: Nova

A Xunta de Galicia organiza o xoves, día 5 de xullo, ás 18:30 horas, unha homenaxe institucional a quen foi cofundador da Editorial Galaxia en 1950, o ilustre galeguista Xaime Isla Couto, falecido en Vigo o pasado 25 de abril. O acto celebrarase na biblioteca da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela) e nel intervirán, ademais do presidente do gobernó galego, Alberto Núñez Feijoo, o presidente de Editorial Galaxia, o rector da universidade de Vigo (institución que concedeu a Isla Couto o doutorado honoris causa), o presidente da Real Academia Galega, un representante da Fundación Isla Couto e un representante da familia.
Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915-Vigo, 2012) foi una das figuras mais significativas da resistencia galeguista na ditadura, cofundador xunto con Francisco Fernández del Riego, Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro de Editorial Galaxia en 1950, director da Revista de Economia de Galicia (1958-1968), avogado, ensaista, promotor do Instituto Galego de Estudos Comunitarios (1987) e da editorial Sept (1965) dende a que, entre outras iniciativas, se promoveu a tradución ao galego da Biblia e o Novo Testamento.
A súa actividade centrouse no ámbito da economía, a espiritualidade e os estudos comunitarios, cunha sobranceira proxección cara á formación das novas xeracións galeguistas, ás que dedicou especial atención dende a Fundación Penzol e diversas iniciativas. Membro da Real Academia Galega dende 1999, entre outras distincións recibiu a medalla Castelao da Xunta de Galicia en 1987 e o Premio Trasalba en 1992.

Comparte nas túas redes sociais ou por email