Homenaxe a Alfonso Zulueta de Haz e Mª Teresa Fernández Cabaleiro, en Vigo

Categoría: Nova

O mércores 13 de xullo, celebrarase, ás 12:30 h, na sala de conferencias da sede Afundación de Vigo, unha homenaxe a Alfonso Zulueta de Haz e Mª Teresa Fernández Cabaleiro, organizada pola Fundación Tutelar Galega para persoas con discapacidade intelectual Sálvora.
Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-Vigo, 2017). Notario de profesión e galeguista de corazón, un home que durante a súa longa vida militou na defensa da lingua e da cultura galegas. Asumiu responsabilidades nas editoriais Sept e Galaxia, desta última foi vicepresidente. As súas actividades públicas tamén abrangueron a presidencia do Consello da Cultura (2002-2006) e a da Fundación Penzol ata decembro de 2016 cando pasou a ser presidente de honra.
Participou na política activa dentro do Partido Galeguista e na fundación do Partido Galego Socialdemócrata, foi o primeiro presidente do Consello Social da Universidade de Vigo e, quizais, do que se sentía máis orgulloso era de impulsar a tradución e publicación da Biblia en galego.
Fóra do ámbito galeguista, a súa preocupación sempre foron os máis débiles. Cando era notario en Gaucín (Málaga) creou un padroado para combater o analfabetismo e xa en Galicia foi fundador da Asociación Juan XXIII, exemplo de dedicación á formación e promoción integral das persoas con discapacidade intelectual e, máis recentemente, constitúe en Vigo a Fundación Sálvora, para a tutela destas persoas.
Estivo casado con María Teresa Fernández Cabaleiro, co fundadora e presidenta da Asociación Juan XXIII e a Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII. A vida de Mª Teresa estivo marcada por unha loita constante en prol dos dereitos das persoas con discapacidade, e das súas familias. Firme defensora da capacidade de autonomía das persoas, foi unha grande impulsora que posibilitou a superación de dificultades, conciencia social, visibilidade de todo un colectivo e compromiso das forzas políticas no reto da igualdade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email