Entrega do Premio Vidal Bolaño, no Porriño

Categoría: Nova

O luns 14 de novembro, celebrarase, ás 19 h, no IES Ribeiro do Louro, a entrega do V Premio Vidal Bolaño 2022 a José Luis Baños de Cos, pola súa obra LUME.
No acto, acompañarán o gañador, Alejandro Lorenzo, alcalde do Porriño, Raquel Castro, secretaria do premio, e Francisco Castro, director xeral de Editorial Galaxia.
Actuación musical a cargo de Anxo Martínez Veiga.
O Xurado do Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, destacou da peza que é unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todos os personaxes sofren as consecuencias. A escrita, cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dálle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social.
Trátase dunha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario.
José Luís Baños de Cos (Jerez de la Frontera, 1977) Licenciado en Antropoloxía Social, cursou estudos sobre teatro social e teatro do oprimido. Autor da obra O faiado, da compañía Ó Cubo Teatro, A espera, de Titereficcións, e de Suit(e) up, de Fanfarra Teatro. En 2018 gañou o I Premio de Teatro Breve Jenaro Marinhas del Valle coa obra O círculo, e, en 2019, A pegada de Microteatro, convocada por ESAD Galicia, con Cheas de Bestas e o XIV Premio Abrente do MIT de Ribadavia con Asfixia. En 2020 gañou o III Premio Vidal Bolaño pola súa obra A cámara escura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email