Entrega do Premio Trasalba 2011 a Ramón Lorenzo

Categoría: Nova

O catedrático de Lingua e Literatura Galega da Universidade de Santiago, Ramón Lorenzo Vázquez (Eirapedriña, Ames, 1935), cofundador do Instituto da Lingua Galega (ILG) en 1971, poeta, especialista en léxico e lingua medieval, editor da 'Crónica troiana' e de importantes textos de literatura da Idade Media, fundador e director da revista 'Dorna', académico da Real Academia Galega, tradutor, membro do grupo Brais Pinto, mestre de varias xeracións de profesores e lingüistas galegos, recibirá este domingo o Premio Trasalba que todos os anos a Fundación Otero Pedrayo lle dedica a unha personalidade das nosas letras e que foi outorgado por unanimidade.


O acto de entrega, como xa é tradicional, realizarase nunha Festa Literaria que a institución celebra na Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro) o derradeiro domingo do mes de xuño. Rosario Álvarez Blanco, actual directora do ILG, será a encargada de pronunciar a laudatio. Entre os asistentes distribuirase o Libro Homenaxe, que nesta ocasión leva por título 'Ramón Lorenzo. Señor das palabras' preparado por Editorial Galaxia, con colaboración de distintos discípulos, compañeiros, admiradores e amigos. Como lembranza, entregaráselle ao homenaxeado unha placa e o tradicional debuxo de Isaac Díaz Pardo, que deseña especialmente todos os anos para quen recibe o premio.

Comparte nas túas redes sociais ou por email