Clausura da exposición de “Alén da desventura”, en Ferrol

Categoría: Nova

O xoves 29 de setembro, celebrarase, ás 19 h, en Afundación de Ferrol, a clausura da exposición da nova edición de Alén da desventura, de Xavier Alcalá, ilustrado por Siro.
Acompañando o autor e o ilustrador, estará Tati Mancebo, directora Comercial de Editorial Galaxia.
Durante os cincuenta últimos anos Siro López colaborou coa Editorial Galaxia en diversas ocasións e con distintos traballos que amosan o seu grande talento creador. Iniciou esa colaboración ilustrando o primeiro libro de Xavier Alcalá, Voltar publicado no verán de 1972. Ao se cumprir o cincuentenario desta obra, a dirección de Galaxia decidiu celebralo coa edición ilustrada de Alén da desventura do mesmo autor. Siro López foi o artista escollido, para satisfacción de autor e editorial.
Para completar a celebración, en colaboración con Afundación, na sede desta institución en Ferrol fíxose unha exposición de obra gráfica de Siro durante dez lustros do seu traballo, que inclúe os retratos dos personaxes de Alén da desventura. O próximo día 29 de setembro, terá lugar a clausura da exposición coa entrega dos retratos dos personaxes da novela, xa no seu día tomados da realidade polo escritor.
Esta exposición está organizada pola Editorial Galaxia, Afundación, e Merlín Comunicación; enmárcase no programa solidario CULTURA POR ALIMENTOS en colaboración con FESBAL.

Comparte nas túas redes sociais ou por email