Berta Dávila, coa “Illa Decepción”, gaña o XIV Premio Repsol de Narrativa Breve

Categoría: Nova

A obra Illa Decepción, da escritora Berta Dávila, resultou gañadora da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. Así o comunicou esta mañá en rolda de prensa a portavoz do xurado, Anna R. Figueiredo. Con este recoñecemento, Dávila, convertese por segunda vez en gañadora deste galardón, do mesmo xeito que o foi na VII edición coa súa novela O derradeiro libro de Emma Olsen (2013, Editorial Galaxia).
O acto do ditame tivo lugar na sede da Real Academia Galega na Coruña, e contou coa presenza de representantes das cinco entidades impulsoras do premio, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, o presidente da Real Academia Galega, Victor F. Freixanes, o director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, o premio está dotado con 12.000 euros e coa publicación do libro por Editorial Galaxia.
Illa decepción: unha narración que nos revela unha voz poderosa e actual.
O xurado elixiu Illa Decepción por unanimidade, pero destaca, non só o alto nivel de participación, senón a innegable calidade de moitas das novelas, amais da gran variedade de temas, rexistros e estilos que estas propoñen. Figueiredo transmitiu que o xurado do XIV Premio Narrativa Breve Repsol define Illa Decepción coma “unha novela de auto representación, en que a autora navega polos lugares cotiáns cunha delicadeza estilística posuída de grande elegancia ao tempo que expón ante o lectorado cuestións de fondo calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”. Entre a realidade de Santiago de Compostela, a sutileza na representación pictórica do confinamento, as viaxes soñadas e a rutina das lavanderías de pago, emerxe o universo ficticio de Beautiful Island como metáfora dun mundo en constante redefinición que bebe da emoción das experiencias pasadas para construír o seu territorio vivencial presente. Estilisticamente, a portavoz do xurado destacou que Illa Decepción “é unha obra escrita con admirable dominio dos recursos expresivos, extraordinario aproveitamento das imaxes, símbolos e referentes, e unha prosa depurada onde nada sobra e todo é substantivo.” Por todas estas razóns o xurado considerou que a novela de Berta Dávila é unha narración que nos revela unha voz poderosa, absolutamente actual.
A gañadora
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido para o castelán e o xaponés. O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da Asociación de Editores. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 en lingua galega na modalidade de narrativa por Carrusel (Editorial Galaxia).
O Premio Narrativa Breve Repsol
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, Fundación Repsol substituíuna para convocar o premio contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
O xurado da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol estivo composto por cinco prestixiosas personalidades das letras galegas:
-Carlos González de Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia, poeta, ensaísta e colaborador en varios medios impresos galegos, así como membro do consello de redacción da revista GRIAL.
-Antón Lopo, nomeado pola Fundación Repsol, é escritor, xornalista, editor e, no ano 2018, resultou gañador da XII edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Extraordinario (Editorial Galaxia).
-Mercedes Queixas Zas, nomeada pola Real Academia Galega, é académica correspondente dende 2008 e autora de diversos ensaios de carácter divulgativo e investigación literaria.
-Armando Requeixo Cuba, nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é profesor, investigador, crítico literario e o secretario do Centro Cultural Ramón Piñeiro.
-Anna R. Figueiredo, profesora de Física e Tecnoloxía no ensino secundario, no eido literario recibiu premios como o de Relato Curto de Mugardos (2014), o Quintal Literario (2014) ou o de Relato Curto Inspiraciencia (2014), e nesta edición convertese en membro do xurado nomeada pola AELG.

Comparte nas túas redes sociais ou por email