Trasalba 2006, Galería de imaxes

fotos xantar
Trasalba 2006, Galería de imaxes

A Festa Literaria de Trasalba 2006, na que participaron máis de 600 persoas, tivo coma invitados de honra aos premiados deste ano, o grupo Milladoiro.

Na cerimonia de entrega deste galardón, Antón Seoane, en nome do grupo e do seu equipo, leu un emotivo texto que confirma o compromiso de Milladoiro coa súa terra e co seu tempo. A perspectiva que lles dá a súa longa traxectoria permítelles valorar a historia recente de Galicia como o tránsito "dunha Galicia de Maeloc a unha Galicia máis viva e luminosa na que se debería rematar, para sempre, coa hipersomnia do Fogar de Breogán". Os Milladoiro situáronse claramente entre os membros do "colectivo da esperanza", mais sinalando as condicións que esixen para continuar nel: "non queremos para o noso país o futuro de caricatura, o futuro de postal costumista de moitas nacións periféricas relegadas e condenadas a un sector terciario económico dependente ou subsidiado".

Este lúcido texto colectivo, resultado dunha posta en común diante da concesión do Premio Trasalba 2006, será publicado completo no vindeiro número da revista GRIAL, o 170.

Logo do acto literario e á sombra do souto do pazo, os asistentes disfrutaron do tradicional xantar de amizade ao aire libre, que coma todos os anos se distinguiu polas cuncas de Sargadelos dedicadas aos homenaxeados. Os Milladoiro recibiron os cariños dos presentes, asinaron exemplares da súa fotobiografía e mesmo escoitaron aires do lugar que afervoados comensais lles cantaron. Durante toda a xornada compartimos, cos amigos de Ourense, a presenza de Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo; de Xesús Alonso Montero, Luz Pozo, Fina Casalderrey e Helena Villar; de Ramón Villares, Camilo Nogueira e Xavier Martínez Cobas, entre outros moitos amigos que non caben no texto pero sí nas fotos.

As súas obras

Non se atoparon obras deste autor