X. H. Rivadulla Corcón naceu no barrio coruñés de Monte Alto en 1962. Leva moitos anos traballando no mundo audiovisual e no teatro, e é moi coñecido no mundo da televisión e da radio, onde durante anos dirixiu un exitoso programa sobre libros titulado A casa do vagabundo. Porque este escritor ten alma de vagamundo. Pero é deses que andan polo mundo cun feixe cheo de historias que contar para quen as queira oír. Un vagabundo fantasioso que dirixiu na televisión galega programas como Planeta fantasía, destinado, precisamente, á promoción da literatura infantil galega.
Como escritor publicou literatura infantil e xuvenil, novela, teatro e poesía, así como ensaio sobre temas audiovisuais. Aínda que, non llo digades a ninguén, o que a el máis lle chista é a poesía…