Audiocontos Galaxia, dez títulos para ler, escoitar e soñar

Categoría: Nova

Hai uns días desembarcaban nas librerías de todo o país os novos títulos da colección Audiocontos, que chega así ao seu décimo título, completando desta maneira o plan editorial previsto. Coa edición de dous títulos de Charles Perrault, 'Bela e besta', ilustrado por Marina Seoane, e 'O gato con botas', por Xan López Domínguez, a colección, que mestura as adaptacións de contos clásicos aos tempos actuais co audio, chega á súa fin entre o aplauso xeral de crítica e, sobre todo, dos máis pequenos e pequenas da casa, que xa saben o que é pasar horas escoitando estas historias de sempre, en voces que interpretan dun xeito novo, e gozando, ademais, da ambientación sonora feita pola equipa de profesionais que traballou neste proxecto.
Os contos clásicos son aqueles que non pasan nunca de moda e que, como Italo Calvino dicía, sempre teñen unha mensaxe nova para cada época. Por iso son clásicos. Agora, o público galego pode seguir gozándoos nesta versión multisoporte, xa sexa ao xeito tradicional no libro de papel ou, por exemplo no coche, escoitando a interpretación no audio que acompaña cada libro en forma de CD.

Comparte nas túas redes sociais ou por email