Xosé Monteagudo recolle o Premio San Clemente

Categoría: Nova

A inicios do pasado novembro soubemos da boa nova de que Xosé Monteagudo fora recoñecido co Premio San Clemente na categoría en galego por Todo canto fomos, unha das novelas máis aclamadas pola crítica no 2016 e merecedora tamén do premio á mellor novela do ano na Gala do Libro Galego 2017. E onte, tivo lugar a entrega do galardón no Auditorio Abanca de Compostela e contou coa presenza do alcalde de Santiago Martiño Noriega, o director xeral de RSC e Comunicación de Abanca Miguel Ángel Escotet e o presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo.
No trascurso do acto, ao que tamén acudiu o premiado na categoría en español, Fernando Aramburu, Monteagudo afirmou que este premio confirma que “a literatura non idade”, dada a complexidade da súa novela e habida conta da axustada lectura que levou a cabo o alumnado encargado de xulgar as obras finalistas. Tamén se parou a reivindicar a liberdade creativa por enriba da literatura do politicamente correcto.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela).
Todo canto fomos é unha novela coral, que a través de diversos personaxes (unha mestra que loita contra a desigualdade, un escritor de novelas policiais, un emigrante galego na arxentina e un historiador) percorre máis de un século de historia galega para devolvernos o relato dun pasado que segue alentando no presente. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email