Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Ramón Villares Premios da Cultura Galega 2018

Categoría: Nova

No día de hoxe déronse a coñecer na Cidade da Cultura de Galicia os Premios da Cultura Galega 2018, convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Entre os premiados, destacan dous nomes de entre o catálogo da Editorial Galaxia: Xosé María Álvarez Cáccamo e Ramón Villares.
Xosé María Álvarez Cáccamo (Vigo, 1950) foi o galardoado na modalidade de Letras. Poeta fundamental durante a década dos 80 e cunha prolífica obra que chega ata os nosos días, de entre os seus primeiros poemarios destacan Luminoso lugar de abatimento, Premio Esquío en 1986, e Calendario perpetuo, Premio da Crítica de Galicia en 1998. En Galaxia viron a luz o poemario Vento de sal (2008), o libro infantil Un home impuntual (2010), o volume de memorias Memoria de poeta (2006), a novela As últimas galerías (2015) e as biografías Tempo do pai (2008) centrada na figura de Xosé María Álvarez Blázquez, e Vida de Antón Avilés de Taramancos (2003) sobre o poeta noiés.
E o Premio Cultura Galega de Proxección Exterior foi para Ramón Villares (Xermade, 1951) un dos historiadores e pensadores máis relevantes das últimas décadas e autor dunha extensa obra sobre historia agraria, cultural e política. Académico numerario da Real Academia Galega, presidiu o Consello da Cultura Galega entre 2006 e 2018. En Galaxia, ademais da súa clásica Historia de Galicia (aparecida en 2004 e reeditada en 2016), publicábase o pasado 2017 o ensaio Identidade e afectos patrios e reeditarase nos vindeiros meses o volume Fuga e retorno de Adrián Solovio baseado no seu discurso de ingreso na RAG.

Comparte nas túas redes sociais ou por email