Xesús Fraga presentou REO en Pontevedra

Categoría: Nova

O escritor Xesús Fraga presentou onte na Libería Paz de Pontevedra a súa novela REO, merecente do Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2013 e que acabamos de publicar na coleccióN COSTA OESTE. O autor estivo acompañado polo escritor Camilo Franco e polo editor Francisco Castro.
Os responsables da librería penduraron hoxe no seu facebook unha completísima crónica que non podemos deixar de reproducir, polo seu acerto, aquí:

Que difícil é facer un resumo dunha presentación coa que se goza e se aprende tanto dunha parte da cultura tan descoñecida e tan "atrapante" como é o graffiti.
Francisco Castro díxonos que como editor foi unha ilusión moi grande publicar este libro que está a chamar poderosamente a atención do público ao que está destinado, destacando a boa recepción entre a rapazada: "Cando escribimos especialmente para os máis pequenos ou para un público adolescente é absolutamente crucial saber facer, xa non só na música de linguaxe necesaria senón e sobre todo dende a sensibilidade necesaria. E isto consígueo Xesús Fraga, consígueo Reo."
E Camilo Franco, cos seus argumentos, convenceunos ben convencidos de que hai que ler "Reo": Se vos buscades toda esa narración que identifique como é o mundo que rodea ao graffiti, está aí. Eu aprendín moito. Están os códigos, as habilidades que hai que ter… pero por debaixo e de lado diso hai a outra historia, a historia que nos identifica como persoas. E é unha historia que se a explicáramos así e non dixeramos que se dedican a iso e dixeramos que son pintores do século XIX diriades "ah bueno". É unha historia que parece clásica porque en realidade é unha historia de ambición, de ambición artística. É unha historia de amor con tensión sexual non sempre ben resolta como procede aos 17 anos. É unha historia de persecución… hai unha certa ameaza policial… Esa outra historia é, para min que xa vos dixen que non estaba próximo a ese tipo de cultura, a que realmente me leva a pensar que todas as culturas son a mesma cultura e que ao final por detrás de cada elemento que nos pode resultar exótico hai as mesmas pulsións que temos en todas as cousas, e que por outro lado faltar a esas pulsións sería faltar á verdadeira natureza da literatura que é contarnos da maneira máis humana, máis real e máis próxima o sentido e o sentido común de todas as posíbeis que teñamos a disposición.
Xesús Fraga falounos dos inicios no graffiti na súa adolescencia, de como foi aprendendo e fotografando as escasas mostras desta arte na Coruña e tamén en Londres cunha actitude reverencial semellante á de Indiana Jones cando atopaba un tesouro. Con esas fotos que facía vía como evolucionaban os seus mitos. "A esa idade todo importa tanto, todo é tan intenso… te emocionas tanto que todo acaba por converterse no centro da túa vida."
Canto gozamos do seu traballo de investigación feito en fotografía "analóxica", pasando horas na procura de graffitis e tamén esperando eses trens para captar as imaxes "a cachos" dos graffitis que logo, unha vez reveladas as fotos, xuntaba ata formar o mural completo cuns resultados marabillosos.
Tamén nos falou do blog que creou a partir do libro, onde explica o mundo do graffiti e que grazas a el está en contacto cos artistas que admiraba daquela e cos que ata intercambia fotos dos seus traballos que eles non teñen. "Esa mitomanía, esa capacidade de concentrar todas as enerxías que tes na túa vida nunha cousa máis concreta era o que quixen reflectir na novela, que está protagonizada por un rapaz de 17 anos que ten que decidir que vai facer co seu futuro nun presente que só está ocupado polo graffiti."

Que luxo de presentación!!! Moitas grazas Xesús, Camilo e Francisco.

(no noso blogue deixamos galería fotográfica da xornada)

Comparte nas túas redes sociais ou por email