Xavier Senín gaña o Premio Nacional á Obra dun Tradutor. Un prestixioso recoñecemento que distingue a súa dilatada carreira como tradutor ao galego.

O galardón, concedido polo Ministerio de Cultura, está dotado con 20.000 euros.

Para Senín, a tradución é un elemento básico para calquera lingua e, no caso do galego, unha utilísima ferramenta normalizadora. Grazas ó seu labor en solitario e tamén en colaboración, podemos ler na nosa lingua obras, publicadas no noso catálogo, como O soldadiño de chumbo, de Hans Christian Andersen, ou libros dos Irmáns Grimm como A oca de ouro, A serpe branca e Polgariño, dirixidos aos máis cativos da casa.

En colaboración con Antón Figueroa, na categoría de Ensaio, traduciu o título Loureses. Antropoloxía dunha parroquia galega, de Manuel Mandianes Castro.

Como autor publicou, na Editorial Galaxia, O alfaiate portugués, un conxunto de narracións no que descubrimos o talento dun cronista da realidade de noso. Nesta obra, amósanos un universo popular que alenta na memoria e na xeografía dos afectos.

Sen dúbida, o talento e a versatilidade de Senín maniféstase na súa ampla traxectoria. Grazas ao seu traballo, podemos ler a clásicos e contemporáneos na nosa lingua. El, co seu amor polo galego, é un dos pioneiros que fixeron camiño.

 

Xavier Senín naceu en Pontecesures (Pontevedra) en 1949. Licenciado en filoloxía francesa, foi catedrático de bacharelato e subdirector xeral do libro. Corrector lingüístico, coordinador de libros de texto, e profesor colaborador do ICE e da Consellería de Educación nos cursos de formación do profesorado de galego. Redactor responsable da edición en galego da revista O Correo de Unesco. Realizou máis de cen traducións, as máis delas de literatura infantil e xuvenil.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR