Xa podes inscribirte no primeiro curso da Escola de Letras

Categoría: Nova

Celebrarase en Vigo os días 15 e 22 de xuño.
Onte presentabamos en rolda de prensa a Escola de Letras que impulsa a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia. Dende hoxe, xa é posible anotarse no primeiro dos cursos que se celebrará na Sede da Deputación en Vigo (Rúa Eduardo Chao, 17), sempre e cando as autoridades sanitarias así o permitan. Será un curso de ESCRITA CREATIVA e será impartido por Francisco Castro, escritor e Director Xeral de Editorial Galaxia. O curso constará de dúas sesións, en horario de 19.30 a 21.30. A matrícula é de balde e pode facerse a través do correo electrónico escoladeletras@editorialgalaxia.gal, engadindo nome.
Trátase dun  curso de iniciación á escritura centrada no desenvolvemento da creatividade, a experimentación literaria e o pracer de escribir.
Concibido desde unha perspectiva lúdica e moi participativa, os asistentes terán a oportunidade de plasmar sobre o papel todo o que caiba na súa imaxinación, literaturizar a vida, escribir poemas, relatos e contos a partir de actividades propostas polo director do obradoiro. En definitiva, a gozar da experiencia literaria e da creación escrita porque desde o minuto un do obradoiro estarán facendo literatura.
Francisco Castro proporcionará actividades que actuarán como catalizadores da creatividade. Despois, sobre os resultados obtidos (os poemas, os relatos, a descrición dos personaxes, a literaturización dalgún aspecto da realidade), será o momento de teorizar e mostrar como grandes autores e autoras da literatura universal construían o seu universo de ficción.
O Obradoiro é eminentemente práctico e participativo e ten como obxectivo escribir e gozar do feito de crear literatura, así como aprender as técnicas básicas da creación literaria.
Seguídenos nas redes sociais!
www.instagram.com/escola_deletras
www.facebook.com/Escola-de-Letras-102350204830659
www.twitter.com/escoladeletras

Comparte nas túas redes sociais ou por email