Xerardo AgraFoxo publica O país sen fronteiras, o seu segundo libro de literatura de viaxes despois do que dedicou á illa de Cuba. Combinando o testemuño persoal coa capacidade de observación do narrador, o coñecemento dos feitos históricos cos datos sobre a realidade, o autor narra un periplo de trinta días a través do Senegal. Un libro extraordinario no que aventura e descuberta fan da lectura unha viaxe apaixonante.
No mes de novembro do ano 2016, Xerardo AgraFoxo emprende a viaxe a África levando na mochila unhas cartas comprometedoras. O misterio que gardan esas misivas que un inmigrante senegalés en Galicia envía á súa familia é a liña argumental na que se enfían as peripecias do viaxeiro, quen visita en primeiro lugar Dakar e Saint-Louis, onde residira Antoine de Saint-Éxupéry, o autor do Principiño, para despois internarse na cidade santa de Touba e comezar un periplo solitario pola sabana africana coa intención de coñecer o País Bassari, onde viven as tribus máis antigas de África Occidental.
AgraFoxo percorre tamén a conflitiva rexión de Casamance e cruza o río Gambia, antes de mergullarse nas augas de onde parten os cayucos cara a Europa. Cun caderno nas mans e camuflado en camionetas estrafalarias, viaxeiro percorre sen rumbo fixo un territorio africano ateigado de vitalidade, paisaxes abraiantes e problemas sen resolver.
Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) é profesor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago e leva escritos máis de vinte libros de investigación, entre eles os tres volumes de A Guerra Civil en Lousame e Noia, amais do libro Memorias do Franquismo (2002). No ano 2007 publicou Biografía de María Mariño e María Mariño: retrato dunha vida. Como narrador, en 2003 publicou o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde, un periplo narrativo por varios personaxes e autores da literatura e a arte universal escrito desde a convicción de que a ficción pode axudar a clarexar os matices da historia real. No ano 2004, obtivo o Premio García Barros coa novela Unha viaxe no Ford T; posteriormente publicaría O violinista de Malá Strana (2008) e A maleta de Victoria Kent (2014), tamén do xénero novelesco. En 2016, publicou Viaxe á última revolución, libro no que conta o seu periplo pola illa de Cuba.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR