Un conto moi vello fala dunha panadeira a quen lle preguntaron unha vez que por que escollera esa profesión e non outra. Dixo que adoraba comer pan, como recendía cando saía do forno, a textura e a súa temperatura, sobre todo cando aínda estaba quente e había que pasalo dunha man a outra para non queimar. Namorada do pan, entendeu que dedicaría a súa vida a facelo e vendelo entre os seus veciños. Era panadeira. Nin máis nin menos. Comía e facía pan. Como segue o resto da historia, agora, non importa.
As e os que escriben, dalgunha maneira, son coma a panadeira do conto. Se escriben é porque nalgún momento, con toda probabilidade ao inicio das súas biografías, namoraron dos libros. Do obxecto-libro coas súas páxinas impresas, os seus lombos de letras que non só informan dun título senón sobre todo dun mundo. Antes que escritoras ou escritores son xentes que len. Escriben porque len.
As autoras e autores que inventaron para este volume relatos sobre libros, lectura, bibliotecas, librerías e xentes que len, pensan coa escrita e deitan a través das xemas dos dedos sobre o teclado as súas visións do mundo. Un libro para de bibliófilos e para bibliófilos. O libro dos libros, que chegaba estes días ás librarías, é unha iniciativa temática que Galaxia emprende falando de libros, mais que continuará abordando outros temas nos anos seguintes, encetando así un proxecto singular no panorama editorial galego.
Andrea Barreira Freije, Antón Riveiro Coello, Anxos Sumai, Helena Villar Janeiro, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Rosalía Fernández Rial, Vanesa Santiago e Xavier López López escriben desta volta coa mesma delicadeza e atención coma quen fai pan de madrugada para que se coma pola mañá, cando o mundo está de estrea, coma un libro que abres pola primeira páxina. Nove voces moi distintas das nosas letras e unha mesma paixón. Imperdible.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR