Será durante esta semana que a nova novela de Xerardo Quintiá irá chegando ás librerías de todo o país. O seu título, 'O viaxeiro radical' unha novela de na que este poeta e narrador conta a historia dun home extraordinario que, encirrado pola busca do inalcanzable, decide vivir á marxe de calquera convencionalismo ou imposición, en permanente conflito consigo mesmo e coa sociedade. Unha obra de ficción que volve poñer de actualidade os logros artísticos da primeira literatura moderna —da Nova Heloísa de Rousseau ao Wilhelm Meister de Goethe— e os achados do pensamento idealista do século XIX.
O viaxeiro radical é unha novela baseada na figura de Manfred Gnädinger, artista alemán que en 1962 chegou á vila de Camelle despois dunha longa viaxe cruzando boa parte de Europa. Nese momento comeza a historia dun home extraordinario que, encirrado por un pulo de liberdade, decidiu vivir á marxe de calquera convencionalismo ou imposición, en permanente conflito cos que o rodeaban. Un artista ceibe e solitario, marxinal por convencemento e necesidade, que transformou a súa propia existencia coa finalidade de que Vida e Arte se fundisen ata formar un todo indisoluble.
A novela indaga nos aspectos que, en determinados momentos da vida do protagonista, o empurraron a tomar decisións controvertidas, e pretende achegarse á cerna do personaxe para comprender a razón da súa radicalidade existencial. Ao mesmo tempo, a ficción leva a quen le a facer unha reflexión sobre aspectos fundamentais que determinan a existencia, tales como o amor, a amizade e a busca do sentido da vida.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR