Xa está nos cines NON ME DEIXES NUNCA

Categoría: Nova

Esta obra, que conseguiu o Premio Novela Europea Casino de Santiago 2006, é unha das máis salientables do autor da coñecida The Remains of the Day, que tamén foi levada con éxito ao cine; conta unha historia na que xoga un papel fundamental o destino, inesperado e arrepiante, que pon de relevo a fraxilidade do ser humano fronte a un mundo aparentemente feliz.

Ishiguro concibe a novela como un relato no que as verdades ocultas manteñen o interese ata o final. O escritor inglés de orixe xaponesa elabora unha trama que, a través da voz narradora dunha das personaxes, serve para tecer a historia dun colexio exclusivo que acubilla os seus alumnos, protexéndoos do mundo exterior, no medio da idílica paisaxe campestre da Inglaterra de fins do século XX. Trátase da historia de auténticos seres escollidos, supostamente preparados para acceder á elite da sociedade británica mais aos que agarda un fado terrible. O autor de The Remains of the Day alarga nesta nova novela as posibilidades da ficción cunha fábula sobre os límites da manipulación da vida humana na que a verosemellanza e xusteza do tratamento narrativo acubilla unha fonda reflexión moral.

Comparte nas túas redes sociais ou por email