Xa está nas librerías “Historia da literatura galega contemporánea”, de Carballo Calero

Categoría: Nova

Dispoñible nas librerías de toda Galicia.
Xa podedes adquirir o voso exemplar de Historia da literatura galega contemporánea, de Ricardo Carballo Calero. Trátase dun facsímile da edición orixinal, publicada en 1981.
Entre 1808 e 1936, datas decisivas da historia peninsular e, polo tanto, da historia de Galicia, desenvólvese un ciclo da literatura galega que chamamos contemporánea, é dicir, que está ligada ás orixes da vida colectiva dos galegos durante os tempos actuais: séculos XIX e XX. Os acontecementos que marcan ambas as datas sinalan fitos que constitúen sinais de termo moi relevantes no devir histórico de Galicia. A literatura do país, directa ou indirectamente, é testemuño elocuente daquel acontecer. Desde os textos patrióticos e políticos do primeiro terzo do século XIX —que nas vellas formas do academicismo neoclásico e do popularismo ilustrado expresan as recentes ideas ou a oposición ás mesmas— ata as fórmulas vangardistas e as preocupacións polo destino da terra que bolen nos textos escritos nas vésperas xulianas, a lingua galega percorre un breve, pero esgrevio camiño, en procura da súa identidade literaria, ás apalpadelas de primeiras, descubrindo logo e loitando por asimilalos, os precedentes medievais, abalando entre o enxebre dialectalismo e a cobiza de xeneralidade, trompicando aquí, erguéndose alá, nun xurdio esforzo, as máis veces incontrolado, por atopar o rego e o enderezo que converta a fala espontánea en lingua de cultura.
Este libro traza a historia deste esforzo, sen propósito de apoloxía, senón con ánimo de precisión. Está escrito con evidente amor á materia que trata, pero este amor maniféstase na intención de ser verdadeiro, e non se confunde con ningún obxectivo de exaltación paracientífica.

Comparte nas túas redes sociais ou por email