Xa está en todas as librarías Corazón de manteiga, de Xavier Queipo. Nel, o autor ofrécenos unha viaxe ao corazón de Mauro, o protagonista desta historia. A través da súa escrita, achegámonos a un rapaz que goza dunha nenez fantástica, inzada de soños, e que despois vive unha mocidade chea de dúbidas e desterro interior para, finalmente, iniciar a madureza cunha espiral de tormentos e inseguridades. Cunha escritura que vai mudando desde o relato naturalista á memoria esnaquizada, Queipo cóllenos da man para amosarnos a historia dunha vida marcada pola diferenza. A través das súas verbas, facemos un percorrido pola memoria, os recordos e os sentimentos de Mauro.

Lendo esta obra, atravesamos unha existencia condicionada por unha dúbida terrible. Unha pregunta que asolaga a alma do noso protagonista que xunta as forzas que lle quedan para vindicar, neste libro, unha experiencia que ninguén cre. Accedemos á realidade dun home engaiolado en si mesmo, un universo propio que non deixará indiferente a ninguén.

Esta é unha novela imprescindible. Narrada cunha prosa precisa, coa tensión necesaria para deixar de lado a convención literaria e a estreitez existencial. Non perdades a oportunidade de lela para entrar na paisaxe interior do noso protagonista.

Xavier Queipo (Compostela, 1957) escribe e publica regularmente en galego desde 1990. É autor, entre outros libros, de Ártico e outros mares (relatos, 1990); Ringside (relatos, 1993), O paso do Noroeste (Premio García Barros de Novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (novela, 2001); O ladrón de esperma (relatos, 2001); Os ciclos do bambú (relatos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (literatura infantil, 2005); Dragona (novela, 2007); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (relatos, 2011), Extramunde (Premio Xerais de Novela 2011), Os kowa (Premio Blanco Amor 2015) e, xunto con Ramón Neto, do poemario Minutos para medianoite (2019). Membro do Dichterscollectif van Brussel desde 2007. Premio da Crítica española en 1991 e Premio Xosé Mª Álvarez Blázquez ao Autor do ano 2011. Participou en numerosos libros coletivos e antoloxías, traduciu do francés a Amin Maalouf e Hervé Guivert e, do inglés, a Joseph Conrad e James Joyce.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR