Volvemos ás librerías

Categoría: Nova

Despois deste tempo no que nos vimos obrigados a paralizar a saída de novos títulos, en Galaxia, retomamos con moitas ganas as nosas novidades editoriais.
Sen dúbida, este é un ano ateigado de libros moi interesantes. Ano no que celebramos o noso 70 aniversario e o centenario da Xeración Nós e homenaxeamos a Ricardo Carvalho Calero no Día das Letras Galegas.
De seguido, damos conta dalgunhas das vindeiras novidades. Non están todas. Só algunhas para ir abrindo as ganas de ler.
En Literaria publicaremos Lembranzas do meu vivir I, de Ramón Otero Pedrayo, e unha edición especial, celebrando o seu 50 aniversario, de A esmorga de Eduardo Blanco Amor en Galaxia, cunha edición ilustrada a cargo de Diego Estebo.
Tamén o II tomo de Castelao, de Miguel Anxo Seixas Seoane, tamén estarán dispoñibles nas vindeiras semanas.
Títulos vencellados á figura protagonista das Letras coma Contos populares da provincia de Lugo, unha coedición co Colexio Fingoi, co limiar de Carballo Calero, e outros escritos por el mesmo coma Historia da literatura galega ou A forza pública na Universidade de Santiago, verán axiña a luz.
Tamén poderedes comezar a ver nos andeis das vosas librarías favoritas a novela gráfica do libro de Berta Dávila, O derradeiro libro de Emma Olsen, ilustrado por Pablo Prado, e o Sonárbore Lingua guapa. Cantos que contan, de Fina Casalderrey e Néstor Blanco.
Na Colección de poesía Dombate destacan título coma Árbores no deserto, o  novo traballo de Rosalía Fernández Rial.
Para as máis pequenas e pequenos publicamos, na colección Árbore, Carabela, de Paula Carballeira, ilustrado por Abi Castillo.
Na colección Costa Oeste, estará dispoñible A noite da deusa, de María López Sández.
Agardamos que teñades tantas ganas coma nós de poder gozar destes novos títulos!

Comparte nas túas redes sociais ou por email