Un acontecemento. Non podemos cualificalo doutro xeito. Había tempo que agardabamos de Paco Martín este novo encontro cun dos personaxes literarios máis populares das nosas letras: Ramón Lamote.

Das novas cousas de Ramón Lamote xa anda nas librerías e, en entrando este mes de febreiro, co primeiro canto dos paxaros e segundo se achega a primavera, iniciaremos as presentacións de tan celebrada nova. Seguramente, empezaremos por Vilalba, por desexo do propio autor (non sabemos se tamén do señor Lamote Miñato).

Miles de rapaces e rapazas, hoxe adultos, se cadra xa con fillos, leron aquela primeira entrega coa que Paco Martín rompeu fronteiras en 1985: Premio Barco de Vapor, Premio Losada Diéguez, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil o ano seguinte, nomeado para a lista de honor do IBBY… Ramón Lamote Miñato, pintureiro profesor de chairego, debuxante de soños, entrou daquela nas nosas vidas, mesmo na adolescencia, coma un aire de marabillas, heterodoxo paladín, próximo e fantástico ao tempo, recreado polas eficacísimas ilustracións de Xoán Balboa. Traducido a numerosos idiomas, o personaxe converteuse en referencia de primeiros e felices lectores alén das nosas fronteiras.

Vinte anos maior, o señor Lamote Mariño leva agora unha vida de xubilado, o que non quere dicir nin aburrida, nin común. O seu mundo, cheo de humor e de tenrura, coa mesma extraordinaria capacidade de observación e a mesma divertida retranca de sempre, segue a seducirnos e empata arestora coas novas xeracións: ponte entre os pais que leron o primeiro libro (de próxima recuperación por Editorial Galaxia) e os fillos, que han ter ocasión de achegarse aos dous. Uns e outros de seguro que han recuperar o personaxe e o mundo de imaxinación e frescura que Paco Martín e Xoan Balboa nos propoñen.

Non se trata dunha segunda parte, mais de novas andainas do personaxe.

Lamote Miñato (o vello e novo señor Lamote) "leva, por razóns de idade e de natural seu, unha vida tranquila e repousada como corresponde a alguén que está xubilado desde hai xa algún tempo e que é de condición frugal e sinxela. Moita lectura, bastante paseo, a partidiña de dominó ou de mus, algunha visita, xirada ou recibida, e moi determinadas atencións a certos encargos propios da súa faceta de debuxante de soños, as clases de chairego quedaron nas mans dalgúns dos seus antigos discípulos…". Así inicia Paco Martín a descrición do novo estado do noso protagonista.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR