Hoxe hai corenta anos que o ser humano subiu á Lúa para deixar alí a súa pegada de esperanza. Moito antes, outros xa soñaran, dende a literatura, esa mesma epopea. Emile de Rostand, por exemplo (célebre polo seu Cyrano) e, sobre todo, Verne, xa fixeran que os seus personaxes pasearan por ela. Os poetas, como non, atoparon en Selene as forzas precisas para se inspirar en tantos e tantos poemas.
Sen embargo, semella que é na literatura para mozos e mozas onde máis grandes e fascinantes historias se teñen vivido.
Porque a Lúa dá para moito.
Por exemplo, como nos contou o escritor e ilustrador Luis Castro Enjamio en "Alguén roubou a lúa" para que dous nenos e unha avoa inicien o seu rescate coa axuda dos personaxes máis suxestivos e estrafalarios, pero tamén tenros, que poidamos pensar.
Ou como sucede nun xa clásico moderno, o "Herbalúa" de Marilar Aleixandre, na que Helena viaxa á Lúa a por herba para a súa boneca de trapo, as cales, por suposto, só comen herbalúa.
Corenta anos despois seguimos soñando. A Lúa fainos escribir. Xa estivemos alí. De verdade e na ficción. E grazas á literatura, vivimos nela cando nos peta.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR