As vindeiras novidades de Galaxia

Categoría: Evento, Nova

Na Editorial Galaxia xa estamos desexando que chegue setembro para que poidades gozar das mellores lecturas, para todos os públicos.
Dentro da categoría de premios, está previsto que vexan a luz O paraíso dos inocentes, Premio Torrente Ballester 2019, de Antón Riveiro Coello, Flores de ferro, Premio García Barros 2020, de María Rei Vilas, e O enigma do baúl pechado, Premio Carlos Mosteiro 2019, de Xosé A. Neira Cruz.
Seguindo a liña da Colección Grandes Biografías, chega o segundo tomo de Castelao. Construtor da nación, de Miguel Anxo Seixas Seoane, despois de que Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 resultara gañador do Premio á Iniciativa Bibliográfica, na Gala do Libro 2020.
Na sección Literaria, publicaremos títulos coma Silencio, de Agustín Agra ou Corazón de manteiga, de Xavier Queipo.
Para a cativada, na categoría infantil e xuvenil, Dormente, de Raquel Castro, publicarase na colección árbore, e Berta Mir detective. O caso do chantaxista roibo, de Jordi Sierra i Fabra, en Costa Oeste.
Unha novidade que reflexa a situación actual é Illados. Diario dunha pandemia, unha reportaxe que mestura palabra e fotografía, de María López Sández, coas imaxes de Miguel Muñiz.
Estes libros son só unha mostra de todo o talento que está por vir á editorial, en forma de letras e pensamento. Esperamos que gocedes moito das lecturas.

Comparte nas túas redes sociais ou por email