Vigo, 200 anos

Categoría: Nova

Este está a ser un ano importante na cidade de Vigo co gallo do 200 aniversario da concesión do título de cidade. Entre outros moitos actos, hai uns días inauguramos a exposición 'Vigo, cidade do mar amado', instalada na Praza da Pedra e que servirá aos que se acheguen para descobrir a historia, o presente e o futuro dunha cidade en continuo progreso e reinvención de si mesma.

No ámbito literario, Vigo e o seu entorno teñen acollido, dende os tempos afastados de Martin Códax e os primeiros trovadores, pasando por Verne e o seu capitán Nemo, as palabras máis lindas escritas na nosa lingua. Por outra banda, o mundo da edición, coa presenza da nosa editorial e doutras senlleiras como Xerais, ten atopado na cidade de Vigo o acubillo e o pulo necesarios para botarse a andar en tempos ben complexos.

No noso catálogo hai unha morea importante de títulos arredor da cidade ou que teñen a cidade como pretexto ou incluso protagonista. Por só salientar tres títulos, poderiamos comezar, precisamente, escoitando a voz dos trobadores Martín Codax, Mendiño e Johán de Cangas, que cantaron as ondas do mar de Vigo. E sen saírnos da poesía, a cidade deulle nome a un celebrado poemario de Helena de Carlos. Un texto no que a cidade supura lírica en todos e cada un dos seus versos. E, recentemente, saía do prelo o libro de Albino Mallo, 'Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968', pintura realista dun Vigo e dunha maneira de entender a vida arredor dunha mesa nun local emblemático e simbólico para todos os vigueses e viguesas.

200 anos despois, a vida sigue, radical e expansiva, dándolle pulos a unha cidade que esperta a diario a rentes do mar.

Comparte nas túas redes sociais ou por email