A existencia de Marcelo Firmamento estaba destinada a ser especial dende o seu nacemento, dende que as ondas mariñas tocan o seu berce. A novela trasládanos á vila mariñeira de Sada nos anos corenta, alí escoitamos as historias do vello Rederrota, sentimos a dor do desamor, a interrogante ausencia dun pai e a irracional esperanza da nai, que levará a Marcelo Firmamento a percorrer o mundo en grandes buques e a descubrir misterios dos que remata por ser parte. E a balea… ai, a balea!

Ao lado de Marcelo Firmamento viaxamos de océano en océano tras a pista dun pai que non coñece e descubrimos un pobo, o galego, espallado polos cinco continente. A fantasía e a realidade mestúranse nun universo onde as quimeras, mesmo a da liberdade, cobran vida e poden resucitar, igual que o Taramanco.

Vanesa Santiago (Sada, 1983) gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2017 con esta novela A vida sinxela de Marcelo Firmamento. Vanesa Santiago defínese, por esa orde, como curiosa, lectora e escritora. Tamén bibliotecaria, blogueira e secretaria da Asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada. Está titulada en Biblioteconomía e Documentación, estudos e traballo que a levaron a vivir en Ferrol e Lugo. Actualmente reside de novo na bisbarra da Coruña e compaxina o emprego esporádico en bibliotecas co activismo cultural e a escrita. Publicou varios relatos e poemas en libros colectivos e revistas. Ninguén lembra (Urco, 2013) foi a súa primeira noval, agora con A vida sinxela de Marcelo Firmamento dá un paso máis na súa prometedora carreira literaria.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR