Vanesa Santiago gañou o Premio Illa Nova de Narrativa coa novela A vida sinxela de Marcelo Firmamento, coa unanimidade do xurado composto por Inma López Silva, Mario Regueira, Berta Dávila, Nuria Piñeiro e Ismael Ramos.

As presentacións vanse suceder nos próximos días nas cidades da Coruña, Santiago e Vigo, acollidas por El Corte Inglés, un dos patrocinadores do premio xunto a Royal Bliss. Despois o libro chegará a Sada, lugar onde se desenvolve ou, cando menos, onde se inicia esta historia. La Voz de Galicia entevistou a Vanesa Santiago sobre a escrita desta obra, podedes ler a entrevista aquí.

A vida de Marcelo Firmamento estaba destinada a ser especial dende o seu nacemento, dende que as ondas mariñas tocaron o seu berce. A novela trasládanos á vila mariñeira de Sada nos anos corenta, alí escoitamos as historias do vello Rederrota, sentimos a dor do desamor, a interrogante ausencia dun pai e a irracional esperanza da nai, que levará a Marcelo Firmamento a percorrer o mundo en grandes buques e a descubrir misterios dos que remata por ser parte. E a balea… ai, a balea!

Ao lado de Marcelo Firmamento viaxamos de océano en océano tras a pista dun pai que non coñece e descubrimos un pobo, o galego, espallado polos cinco continente. A fantasía e a realidade mestúranse nun universo onde as quimeras, mesmo a da liberdade, cobran vida e poden resucitar, igual que o Taramanco.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR