Vida e obra dun músico esencial

Categoría: Nova

O acto de presentación contou coa participación do propio Rogelio Groba, o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, o conselleiro de Cultura Roberto Varela, e o autor da obra, Manrique Fernández.
No acto celebrado na Biblioteca Pública Ánxel Casal, o conselleiro de Cultura e Turismo enxalzou a vida e obra do compositor de Ponteareas e definiuno como "un home comprometido como poucos co patrimonio sonoro de Galicia, un home que personifica como ninguén a dedicación á música, en todas e cada una das súas facetas, xa fora como intérprete, director, compositor, animador cultural ou pedagogo". Para o responsable de Cultura, o diálogo con Rogelio Groba "invita a un percorrido pola evolución histórica da nosa música e a súa situación actual". "Unha análise crítica e sincera que conduce á reflexión, e que ten como leitmotiv a súa lucidez e elocuencia", continuou.
No mesmo sentido, Víctor F. Freixanes apuntou á dilatadísima carreira como compositor, director de orquestra e tamén como autor de ensaios musicais de Groba que, no que ten relación directa coa música, leva rexistradas máis de 600 composicións.
O libro ademais das conversas mantidas por Manrique Fernández con Groba ofrece un disco cunha selección de pezas da longa carreira do músico nacido en Ponteareas. Manrique Fernández destacou a capacidade de Rogelio Groba para calquera tipo de música e tamén gabou a súa capacidade como conversador e a claridade das súas ideas arredor do mundo da música.
O compositor, mestre e pedagogo Rogelio Groba naceu en Ponteareas en 1930. É autor dun total aproximado de tres centos de obras que abarcan todos os xéneros, incluíndo Lied, música de cámara en abundancia, once concertos para solista e orquestra, seis sinfonías, sete cantatas, dúas óperas, ballets cinco, entre outros.

Comparte nas túas redes sociais ou por email