Versos para conversar, poesía infantil para soñar

Categoría: Nova

Xoán Carlos Domínguez Alberte presentou en Celanova, na Fundación Curros Enríquez, o seu último libro Versos para conversar. Alí, na terra de grandes poetas como Curros ou Celso Emilio Ferreiro, de poetas comprometidos co seu tempo, coa súa lingua e co seu país, convocounos o autor para escoitar poesía. A poesía é un xénero combativo dende o inicio porque rompe as regras da linguaxe, é un xogo, pero tamén é un posicionamento vital. Parece máis doado narrar, porque o verso precisa outra volta, subverter as leis da palabra e nese xogo entra Xoán Carlos Domínguez neste libro.
A poesía tamén implica situarse á marxe, pois é un xénero literario con menos lectores, con menos visibilidade, pero tamén é o xénero no que nacen as literaturas, lembremos a retícula de Kloss que nos recorda que o primeiro chanzo está na poesía, pensemos na nosa lírica trobadoresca ou no Rexurdimento onde o esplendor veu a través da lírica. A poesía ten esa función recuperadora, iluminadora, pero tamén é poesía as cantigas populares que cantamos, aqueles versos que escoitamos na boca das nosas avoas e que foron pasando de xeración en xeración. Na banda sonora da vida están os poemas musicados que fomos aprendendo, eu cando menos tiven esa sorte, a de ter un avó e unhas avoas que cantaban moito e que tiñan escasa formación pero sen sabelo recitaban a Rosalía ou a Curros naquela “Cántiga”: “Unha noite na eira do trigo…”.
Esa idea de poesía como vinculo da relación familiar, afectiva, é a que está detrás deste libro. Como nos conta Xoán Carlos Domínguez Alberte é un libro pensado para as súas fillas, en realidade foron elas as responsables de que hoxe teñamos este poemario entre as mans. Celtia, de seis anos, e Minia, de dez, un día dixéronlle “papá, está moi ben o que fas, pero a ver cando escribes libros para nós” e aquí temos o resultado.
Un libro lúdico, que xoga, no que hai moitos exercicios de expresión, aloumiños, trabalinguas, ritmo… Un libro que bebe tamén da tradición oral, como o poema familiar adaptado da súa avoa “Durme e repouesa” (p.65). Unha aposta novidosa que quere reivindicar a poesía dende o cotián. Hai poesía para todos os días e para todas as horas.
Domínguez Alberte  di que este libro nace dos afectos, pero nace tamén para crealos e para mantelos tecidos cos fíos da poesía.

 

Comparte nas túas redes sociais ou por email