Xavier Alcalá conta na súa nova novela as aventuras e desventuras de Mariana, a galega enguedellada nunha revolución mítica contra o tirano que sometera a illa de Cuba. Velaquí Verde oliva, a historia desta filla de galego e crioula que se integra nunha rede secreta de axentes encargados de destruír o réxime do ditador.

A heroína desta novela puido nacer en Cuba e criarse alí, desde sempre no ambiente que conduciría á rebelión contra Batista, mais, por cousa dos azares da vida, veu ao mundo nunha aldea da Mariña luguesa o 20 de xullo de 1936. Así e todo, aos catorce anos desembarcaba no porto da Habana. Co mester do narrador experto, Xavier Alcalá conta a historia desta loitadora pola liberdade que, educada nun mundo burgués, intervén na guerra secreta desenvolvida durante a revolución cubana.

Mariana, a protagonista da novela, chega á Habana e, mergullada nos hábitos de cidade avanzada, recibe boa educación e participa do luxo dos que se permiten vivir en Tarará. O seu pai, republicano en Galicia, imbúelle ideas democráticas que baten coa ditadura de Batista; isto, xunto co ambiente do seu colexio e da academia de xornalismo á que asiste, lévana a participar no Movemento 26J. O autor narra en primeira persoa a historia dunha inmigrante burguesa que se converte en axente do 26J e participa en misións arriscadas durante a revolución castrista.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR