Como todos os anos, Editorial Galaxia vai facer un importante esforzo en publicacións relacionadas co persoeiro homenaxeado no Día das Letras Galegas. Así, a obra e a vida de Valentín Paz-Andrade serán amplamente estudadas e espalladas a partir de tres libros que, aos poucos, van ir saíndo do prelo da nosa editora.
Por unha banda, o xornalista Xan Carballa prepara unha Antoloxía que, entre outras cousas, inclúe o texto íntegro do 'Pranto Matricial', de Paz-Andrade, o seu poemario máis coñecido.
Dende o punto de vista biográfico, o mesmo autor fará un achegamento, noutro volume ameno, rigoroso e ben documentado, que suliñará a importante presenza de Paz-Andrade nos feitos políticos e culturais esenciais do século XX en Galicia.
Finalmente, publicaremos o xa mítico 'Castelao na luz e na sombra' que entre 1980 e 1981 Paz-Andrade escribiu sobre a vida e obra de Castelao e que é froito dun intensísimo labor de investigación.
Unha boa oferta, como cada ano, para que entendamos e poidamos ler ao autor a quen este ano Galicia enteira rende homenaxe.
Podes descargar, en formato PDF, o díptico promocional que preparamos presentando estas tres publicacións na ligazón á dereita destas liñas.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR