Uxía e Magín Blanco reinterpretan a obra do poeta Manuel María en CANTA O CUCO

Categoría: Nova

Está a piques de chegar ás librarías galegas un novo traballo da colección Sonárbore, destinada a achegar a produción musical -de calidade- aos pequenos e pequenas da casa. Nesta ocasión, dous grandes como Uxía e Magín Blanco, poñen en común o seu talento para renderlle unha sentida homenaxe ao poeta lugués Manuel María, a quen se lle adicará o Día das Letras do vindeiro ano 2016.

Deste xeito nace Canta o cuco. Un libro-disco grazas ao que os máis cativos poderán achegarse dun xeito lúdico á figura de quen foi un dos nosos poetas máis senlleiros. O carro, A vaca, A cidade, O cuco… so só algún dos textos musicados por Uxía e Magín Blanco, extraídos de poemarios como As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, Todo me fala de ti, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade.

Arranxos musicais de excepción para este novo libro-disco, que corren da conta de Santi Cribeiro e Guillerme Fernández -fundadores de Berrogüetto-, quen se ocupan ademais das interpretacións no acordeón e nas guitarras acústicas e percusión, respectivamente. Xunto a eles, a guitarra do propio Magín Blanco e colaboracións como as de Isaac Palacín -percusión-, Pablo Vidal -contrabaixo-, Raquel Domínguez -gaita-, Pablo Ces -bombo- ou Andrés Giráldez -tambor-.

Mención especial para a compoñente plástica dun álbum destinado a divulgar a obra de Manuel María entre nenos e nenas. As ilustracións de Canta o cuco son obra do pintor e ilustrador Leandro Lamas, quen crea un universo de cor arredor de cada un dos temas seleccionados para este libro-disco de coleccionista.

Canta o cuco supón o reencontro no plano musical de dúas das figuras máis representativas da música infantil en galego, como o son Uxía -María Fumaça, Xiqui Xoque, Fiú Fiú, Rosalía pequeniña…- e Magín Blanco -A nena e o grilo nun barquiño, a Nena e o grilo…-. Best sellers avalados pola súa extraordinaria calidade musical e polo éxito de vendas e público que veñen colleitando.

Presentación en Santiago de Compostela

O día 24 de novembro, a partir das 11.00 horas, terá lugar unha presentación en Santiago de Compostela destinada aos profesionais dos medios de comunicación. Será na escola infantil A Galiña Azul de San Roque e contará coa presenza de Uxía, Magín Blanco e Santi Cribeiro. Prevese asemade a asistencia de Saleta Goi, viúva de Manuel María, Leandro Lamas, ilustrador, e Francisco Castro, editor de Infantil e Xuvenil de Editorial Galaxia. Durante o encontro, serán interpretadas varias pezas tanto para os medios asistentes como para o alumnado do devandito centro de ensino.

Comparte nas túas redes sociais ou por email