UNHA NOVELA ESENCIAL

Categoría: Nova

Dentro da Biblioteca de autor que Editorial Galaxia dedica a Camilo Gonsar, publícase unha nova edición, que o autor deixou preparada antes da súa morte en 2008, de Desfeita, novela que aborda o tema das consecuencias guerra civil e a ditadura franquista na sociedade galega. A obra do escritor de Sarria é unha das obras narrativas máis singulares das escritas en Galicia desde a década de 1960.

Publicada por primeira vez no ano 1983, Desfeita iníciase cunha pescuda, a das causas dunha morte acontecida a raíz da sublevación militar de 1936. A degradación da sociedade franquista, desde a deturpación da paisaxe á desfeita urbanística, pasando pola negación da memoria histórica e da cultura galega, invade o relato desta novela, na que queda definitivamente retratatada como represión política mais tamén como anulación da vontade dunha sociedade sometida. O despropósito e o absurdo dunha sociedade que se mente a si mesma, que se disfraza do que non é.

No limiar á segunda edición do libro, que se conserva nesta nova edición por decisión do autor, o poeta Xavier Rodríguez Baixeras salienta "a pureza e a fluidez con que transcorre o artellamento entre as distintas secuencias e, sobre todo, as oportunas mudanzas de ritmo" que outorga á narración un aquel cinematográfico. Por outra banda, segundo John Thompson, autor do libro As novelas da memoria, no que se estuda a novela de Gonsar, Desfeita "amosa mellor que calquera outra novela galega os comportamentos disfuncionais, o infantilismo, a ignorancia e a alienación como produtos do franquismo e da desmemoria que segue até os tempos actuais". Trátase, pois, dunha novela esencial para comprendermos a nosa historia recente.

Comparte nas túas redes sociais ou por email