Unha historia na cidade de Oliveira

Categoría: Nova

Coa presencia das primeiras autoridades entregouse na vila da Estrada (Pontevedra) o Premio que leva o nome de Manuel García Barros, que na súa XVIII edición correspondeu ao xornalista e novelista Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960) pola obra Lois e Helena buscándose un día de tormenta.

O premio García Barros converteuse, ao longo destes dezaoito anos, nunha referencia obrigada na narrativa galega contemporánea. A súa nómina de autores é xenerosa e moi representativa: Manuel Forcadela, Xosé Miranda, Xosé Ballesteros, Antón Riveiro Coello, Alfonso Álvarez Cáccamo, Xosé Carlos Caneiro, Bieito Iglesias, Xavier López, Miguel Anxo Fernández ou Santiago Jaureguizar, entre outros. Algúns dos títulos gozaron dunha grande aceptación por parte tanto dos lectores como da crítica. "Xunto co Premio Xerais e o Premio Blanco Amor, o García Barros é o terceiro pé dunha trepia altamente produtiva", segundo explicou o editor Víctor F. Freixanes.

Lois e Helena buscándose un día de tormenta narra a historia dunha parella (dous mundos) na cidade de Oliveira, metáfora do Vigo actual, e é "o máis parecido que souben escribir dunha novela de amor", en palabras do autor o día que recolleu o Premio da man do alcalde da vila da Estrada. Historia narrada polo dereito, sen reviravoltas innecesarias, con intelixente administración de recursos, sen renunciar ao humor, con vocación de estilo e esixencia expresivas, que son as esencias da literatura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email