Unha empresa sen precedentes

Categoría: Nova

Isaac Díaz Pardo, Antón Mascato e Víctor F. Freixanes salientaron diante dos medios de comunicación as características da obra, resultado de máis de cinco anos de traballo e un importante esforzo de colaboración entre as tres empresas editoras: 45.000 biografías, topónimos e nomes propios; 4.500 fotografías a color; 850 planos e mapas; 425 debuxos e gráficos, e a maiores: o dicionario máis completo da lingua galega (80.000 entradas) actualizado coa nova normativa da Real Academia Galega. En palabras de Isaac Díaz Pardo, "unha obra sen precedentes".

A obra vai acompañada dunha medalla conmemorativa, deseñada polo creador de Sargadelos, na que se le: "Coñecer o mundo. Amar o mundo", e na que se reproduce a imaxe da deusa grega da Sabedoría.

Son tres volumes de aproximadamente 800 páxinas cada un, pensados sobre todo para as novas xeracións e para uso práctico en redaccións de medios de comunicación, dependencias da administración pública, centros de ensino, bibliotecas familiares, etc. Cada volume vai presentado na cuberta por unha figura universal que, en certa maneira, exemplifica o espírito da obra: Rosalía de Castro, Gandi e Albert Einstein.

A idea de unir tres empresas galegas nun proxecto desta envergadura foi salientada polos tres editores. "En certa maneira vén romper esa imaxe minifundista de que tanto se nos acusa. Unidos, mesmo sen perder a identidade e a personalidade de cada quen, podemos facer moitas cousas e, sobre todo, podemos afrontar o futuro con produtos ambiciosos e competitivos", declarou Víctor F. Freixanes.

Antón Mascato, director de Edicións do Cumio, empresa que desenvolveu unha parte moi importante do deseño e a redacción, subliñou as características técnicas e o feito de que a obra se realice sen axudas institucionais, mais a partir do esforzo de cada unha das empresas, "o que non quere dicir que non aspiremos a que as distintas administracións, se consideran que o produto paga a pena, o apoien agora para a súa difusión no ámbito escolar, administrativo e familiar".

Polo de agora a "Diciopedia do século 21" non estará na Rede, aínda que os seus promotores apostan polo futuro nas novas tecnoloxías. "Non o facemos xa", declararon, "porque necesitamos primeiro recuperar o forte investimento realizado". Unha estimación inicial establece en arredor de 900.000 euros o custo de redacción, deseño e fabricación da obra.

A palabra DICIOPEDIA
Segundo se explica no primeiro volume (A-D, páx. 700) da presente obra, Diciopedia é un acrónimo de "dicionario" e "enciclopedia": Obra que amalgama nos seus contidos, por un lado un dicionario ou dicionarios lexicográficos. E, por outro, un dicionario de carácter enciclopédico e de saber e coñecemento universal.

Comparte nas túas redes sociais ou por email