Xavier Alcalá tense salientado como un escritor que presta as súas mans e a súa capacidade narrativa para desenterrar historias que agochan a esencia do ser galego.

Os feitos que ha relatar nesta novela que pecha a triloxía, editada por Galaxia desde o primeiro volume, Evanxélica memoria e que se ha titular Unha falsa luz foron contrastados e ben documentados na Arxentina onde a maior parte da novela se desenrrola.
Nesta triloxía novélase a historia dos protestantes galegos, unha minoría relixosa perseguida e esquecida. Fala Alcalá de que é unha comunidade que tivo que soportar desde finais do século XIX "unha lousa de silencio", de aí que se decidise a darlle voz aos protagonistas desta realidade oculta cun relato de ficción que parte de testemuños próximos, e non tanto.

Coa certeza de que "todas as historias de galegos rematan na Arxentina", a Alcalá levouno a Bos Aires o interese por fornecer o rigor histórico dos datos dos protestantes emigrados logo da Guerra Civi, ou máis ben exiliados por mor da relixión. Segundo comproba o autor estes días sobre o terreo, unha chea de galegos saiu cara Arxentina no período 1940-1960 por razóns económicas, mais tamén relixiosas. Foi o caso, por exemplo, de Juan Souto Acuña, ao que visitou estes días o autor. Seu pai houbo pechar o seu astaleiro, ben coñecido no Sanxenxo do primeiro terzo do século XX, porque as autoridades franquistas lle complicaban a existencia ao saberse e declararse evanxélico. A historia de Souto, ateigada de anécdotas relativas á represión do culto non católico no franquismo, coincide coa que Xavier conta en Nas catácumbas, segunda novela da triloxía que hai case un ano que está nas librerías da man de Galaxia.

Na casa porteña de Souto comparten escenografía unha foto de Baiona, a maqueta dun barco bautizado Combarro e os Evanxeos, que o protagonista predica nas comisarías da localidade de Munro. Nesa mesma poboación, ao norte do Gran Bos Aires, tamén se radicou Eduardo Cartea Millos, un vigués de 58 anos que exerce como pastor protestante na congregación que fundaron outros dous galegos no ano 1956. Cartea é neto de dous evanxélicos do sur de Galicia dos que Alcalá da boa conta na súa obra. Xa que logo, o círculo xeracional péchase en Bos Aires, que é unha segunda casa para o autor.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR