O salón do Real Club Náutico de Vigo quedou pequeno para acoller a presentación do novo libro de receitas do cociñeiro Benigno Campos. O acto, presidido por palabras emocionantes e discursos sobre a felicidade, encheuse tamén de música. Por algo este novo receitario vén acompañado dun CD coas cantigas do programa de Larpeiros.
Abriu o acto o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, quen comezou sinalando que recuncaban na mesa de presentación, os mesmos do ano pasado, o que era un bo sinal de felicidade. Entre outras cousas, sinaéxito conquerido polo primeiro dos libros, que 'Larpeiros é unacontecemento, unha proba de normalización, que un libro de receitas en galego consiga tal éxito de vendas. É unha proba de que o país existe'. Acto seguido, enumerou os que, segundo o seu criterio, son os tres grandes éxitos de Benigno Campos: 'en primeiro lugar o programa de televisión, no que ten moito que ver o mérito de Cermeño na direción, algo que non sorprende pois xa dende os tempos de Pratos Combinados nos ten demostrado a súa creatividade; en segundo lugar, o propio Benigno, que transmite afabilidade, alegría, humor e afecto; e en terceiro lugar, a propia cociña que el nos propón, accesible e imaxinativa, galega pero que explora outros espazos'. Rematou a súa intervención cunha frase que lle temos oído noutras moitas ocasións: 'malo aquel que non canta despois de comer'.
Tomou despois a palabra Tomás Alonso, compañeiro no programa de Benigno Campos, quen aproveitou para explicar o que el chamou 'o efecto bolboreta', ao se referir a como un día Xosé Cermeño argalla o programa, pensa nel para participar e el, á súa vez, pensa en Benigno para conducilo. 'Sen embargo, non é cuestión de sorte todo o que pasou despois, senón de moito traballo, e sobre todo á verdade de Benigno, que non nos engana no que nos promete en cada prato'.
Foi despois a quenda do director do programa, Xosé Cermeño, quen sinalou que 'Benigno rescribe as receitas tradicionais galegas'. Sobre o libro, explicou que 'é irmán do anterior e fillo lexítimo do programa', e sinalou que para explicar o éxito do volume anterior hai que entender que 'toca unha fibra nosa moi sensible, pois aos galegos non só nos gusta comer senón tamén falar da comida. En Galicia, ademais de comer para alimentarnos, celebramos a sabedoría que hai nos pratos e honramos a quen nos dá de comer. Por outra banda, o noso xeito de comer define como somos e como sentimos. E todo iso Benigno cóntao moi ben'. Rematou a súa intervención sinalando que o libro 'é un novo tratado sobre a felicidade'.
Alfonso Cabaleiro, director xeral de Medios da Xunta de Galicia, veciño chapeleiro do cociñeiro, amosou o seu 'orgullo e emoción por estar ao carón de Benigno' ao tempo que lembrou que este éxito coincide cos 25 anos de vida da TVG. Despois, definiu a Benigno Campos como 'bo e xeneroso, ademais de grande narrador oral e tipo feliz que transmite felicidade'.
Tralo protocolo, foi o tempo para que un Benigno Campos emocionado, nos recordase que neste libro novo segue apostando por produtos galegos da terra feitos ao xeito tradicional. 'Eu non teño nada contra da cociña de vangarda, pero a miña é a de sempre en Galicia'. Referiuse tamén ao CD coas cantigas populares que se cantan no programa 'gravados coa miña compañeira querida Lola Vilela, que canta moi ben'. Tivo tamén unha mención para o seu fillo e músico Marcos Campos, que tocou frautas, acordeón e percusión no disco, así como para o guitarrista Ernesto Campos. Eles dous, con Benigno, Leni e a cantante Leni Pérez, tamén compañeira no programa, interpretaron unha sentida e animada peza musical que deu fin a un acto divertido, emocionante e, está claro, moi alimenticio.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR