Un testemuño xeracional arredor da droga

Categoría: Nova

Tamén unha historia de amor. Amor a Nico, amor a Xulia e amor á vida, representada polos amigos. Arroupada por todos eles, que encheron o local a tope, Xulia Alonso presentou en Vigo o seu primeiro libro, "Futuro imperfecto", acompañada da súa filla Lucía, á que vai dedicado, e coa memoria de Nico, o seu compañeiro, falecido a causa do Sida, centro da historia que a autora nos conta.

"Unha historia de verdade", en palabras do director xeral de Galaxia, que abriu o acto. Concha Báez, profesora de literatura da Universidade de Vigo, falou da estrutura, fundamentada nunha gran confesión, a confesión dunha muller que se enfronta ao desafío de continuar e refacerse a si mesma, logo da experiencia da droga e as súas consecuencias. Tata Viñas, pedagoga, fundadora e directora durante anos do colexio Martín Codax, insistiu nos aspectos didácticos e, ao mesmo tempo, de descuberta que ofrece o relato; unha historia fundamentada nos feitos, con nomes e apelidos, con paisaxes e situacións moi concretas, mais sen falsos moralismos, coa verdade enriba da mesa.

A verdade dunha xeración, "a que agora andamos arredor dos 50 anos", segundo Concha Báez; unha xeración de homes e mulleres (mozos e mozas daquela) que se ve reflectida nestas páxinas e que quixera transmitir o testemuño da súa experiencia ás xeracións seguindes. Nico e Xulia, noviños, entran no mundo da liberdade e da vida, descubren o amor e, asemade, o mundo das drogas, moi principalmente a heroína.

O relato é o testemuño desa experiencia, que pasa pola adicción e a escravitude á substancia, a perda da liberdade que tanto ansiaban, e o esforzo pola recuperación, frustrada cando se lle descubre a Nico a enfermidade. "Os dous últimos anos de Nico foron terribles", explica a autora. "Cando me enteirei, estando preñada, que eu tamén era seropositiva, o mundo véuseme enriba. Foi un período que só o superei dende o amor, dende a familia e dende os amigos. Pero que me fixo máis enteira, máis muller, seguramente tamén máis libre. E tiñamos a Lucía".

Comparte nas túas redes sociais ou por email