Onte comezou un percorrido polos lugares onde transcorre O último barco que organizamos dende a Editorial Galaxia, xunto co Concello de Moaña. Ao redor de 175 alumnas e alumnos fixeron o primeiro pase e coñeceron de primeira man as localizacións nas que se baseou Domingo Villar para escribir a novela. Procedentes de Lugo, Monterroso ou Monforte de Lemos, foron os primeiros en descubrir esta actividade na que temos depositada tanta ilusión. Está previsto que, a través da mesma, máis de 800 alumnos de toda Galicia percorrerán os escenarios do libro, ambientado na parroquía de Tirán e na cidade de Vigo.

Facendo o percorrido, poderán ver en primeira persoa o lugar que inspirou ao escritor para contar a historia da filla do doutor Andrade. Na novela, ela vive nunha casa pintada de azul, nun lugar onde as praias de ondas mansas contrastan co bulir da outra beira. Alí, as mariscadoras pescudan na area, os mariñeiros botan os aparellos á auga e os que van traballar á cidade agardan no peirao a chegada do barco que cruza cada media hora a ría de Vigo. Unha mañá de outono, mentres a costa galega se recupera dos estragos dun temporal, o inspector Caldas recibe a visita dun home alarmado pola ausencia da súa filla, que non se presentou a un xantar coa familia na fin de semana nin acudiu o luns a impartir a súa clase de cerámica na Escola de Artes e Oficios. E, aínda que nada pareza alterado na casa nin na vida de Mónica Andrade, Leo Caldas axiña ha comprobar que na vida, coma no mar, a máis apracible das superficies pode agochar un fondo escuro de correntes devastadoras.
A través desta sinopse, introducímonos no universo de Domingo e a súa novela. De seguro que as alumnas e os alumnos gozarán tanto da lectura como da ruta. Unha experiencia singular que invita a achegarnos á mente do escritor, vendo dende primeira man os lugares en que se localiza a historia. A maioría deles están centrados na parroquia moañesa de Tirán e Vigo, pero de maneira particular, a visita tamén pasa pola Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), a comisaría de Policía ou Radio Vigo.
Ao outro lado do mar, en Tirán, as alumnas e alumnos visitarán o bar Marusía, onde poden gozar ao sol das explicacións do propietario degustando algúns petiscos. A visita inclúe a igrexa parroquial de San Xoán e un paseo polo sendeiro da costa, ao que tanto se elude na novela. As rutas están programadas ata abril, e acollerán alumnado de toda Galicia.
Esta foi unha idea que naceu da imaxinación do noso desaparecido compañeiro, director comercial, Xulio Amigo.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR