Un libro para o debate

Categoría: Nova

Onte, na librería Librouro de Vigo, acompañado de moitos amigos e público interesado, presentouse o libro de Henrique Monteagudo, 'As razóns do galego. Apelo á cidadanía'.
Abriu o acto o Director Xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, quen gabou a oportunidade deste libro 'no contexto de ataques á lingua que estamos a sufrir'. Ao seu xuízo, este é un libro que ten que fomentar o debate e que ten que servir para 'mobilizar os nosos argumentos renovados que, quizais, estamos a repetir dun xeito algo tópico'. Freixanes insistiu en que o peor que podía pasar é que 'esteamos calados, sen entrar no territorio dos argumentos, deixando que outros, os que están contra a nosa causa, os asuman e protagonicen o discurso'. Rematou a súa introdución explicando que 'a vida é un relato e nós temos que construir ese relato'.
Acto seguido, o escritor Agustín Fernández Paz tomou a palabra para facer un vigoroso discurso centrado nos argumentos que mantén Henrique Monteagudo no seu libro. Comezou comentando que non lembraba con exactitude o intre exacto en que coñecera o autor, 'pero debeu de ser polos oitenta, cando todos os que eramos de fóra de Santiago nos xuntabamos o sábado porque sempre había xuntanza de algo'. Comentou que do autor sempre lle chamara a atención a súa capacidade para contaxiar optimismo, a súa fe no futuro e o discurso en positivo que sempre lanza en todos e cada un dos seus escritos. Fernández Paz foi debullando o libro de Monteagudo para mostrar como é un volume máis que necesario 'tendo en conta que moito do camiño gañado, paseniño, ao longo destes anos a prol do galego, foi perdido irremediablemente'. Con diversos exemplos e sinalando claramente onde están os inimigos do galego, foi quen de explicar, baseándose no argumentario do propio Monteagudo, quen son 'os negacionistas que, a base de mentiras, conseguiron facer crible o discurso da imposición'. Aínda así, amosou a súa esperanza no futuro na medida en que 'agora a sociedade civil tomou conciencia do problema e sabe todo o que pode perderse se damos pasos atrás'.
Pechou o acto, antes do debate ulterior no que se oíron interesantes voces como a do poeta, músico e cineasta Antón Reixa, o propio Monteagudo quen, ademais de agradecer a todos os que fixeron posible o libro, quixo explicar tamén o por que do mesmo. Ao seu xuízo, o libro pretende sinalar camiños polos que tirar. 'A palabra razóns no título non é casual. Sendo o sentimento importante, o noso amor á nosa lingua e ao noso país, do que se trata é de que sexamos quen de ofrecer argumentos racionais a prol da nosa fala, que todo o mundo entenda que é importante ser competente nas dúas linguas, e que non pode haber cidadáns de primeira con dereitos, os falantes de castelán, e os galegofalantes, que pasarían a ser cidadáns de segunda con dereitos minguados'.
Trala presentación, houbo un interesante debate cheo de interese na que todos os presentes, dalgunha maneira, renovaron a súa fe no futuro. Como Agustín Fernández Paz dixo, a modo de brincadeira, parafraseando a Manu Chao, 'próxima estación, esperanza'.

Comparte nas túas redes sociais ou por email