Chus Pato regresa ás mesas de novidades das librarías despois de seis anos con Un libre favor, un novo poemario que ve a luz na colección Dombate.

Chus Pato (Ourense, 1955) é dona dunha das poéticas máis persoais e vangardistas da poesía en lingua galega e conta cunha voz renovadora e rupturista internacionalmente recoñecida que nunca renunciou ao seu fondo compromiso ético. Académica da  Real Academia Galega dende o pasado 2017, en Galaxia viron a luz Carne de Leviatán (2013), Premio da Irmandade do Libro á mellor autora do ano; Secesión (2009), recoñecido como o mellor libro do ano 2009 polo suplemento “Revista das Letras”; e as reedicións de Fascinio (1995, 2010) e A ponte das poldras (1996, 2006).

Seis anos despois da súa última publicación, Chus Pato presenta Un libre favor, un libro onde a poesía se descobre nun estado material, de cousa. O lector hase atopar coa sensación de apalpar algo maleable e ao tempo firme, sereno e desacougante, inasible e propio. Poesía cun ton e unha intención, cunha forma e unha música que, con distorsións e melodías varias, se escoita como tal. A materia poética como iso que podemos tocar e nos afecta máis do que non nos podemos apropiar. Esa é a finalidade dos obxectos: deixar de amosarse como un mecanismo puro, darse a quen os contempla, a quen por iso parecen facerlle un favor libre, desinteresado. A beleza como indicio desa relación.

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR