Feminino e plural. Deste xeito poderíase definir o conxunto de ensaios que a poeta compostelá María do Cebreiro acaba de dar á luz no primeiro trimestre do 2005 e que publica Editorial Galaxia baixo o título evocador de As terceiras mulleres.

A autora que presenta este traballo en Vigo, Santiago e Barcelona, imaxina na obra "un porvir no que o xénero non sirva para clasificar a ninguén, senón para poder vivir máis alá das etiquetas".
A escritora e crítica literaria regresa despois da investigación As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, Premio Dámaso Alonso 2002, cunha serie de ensaios nos que as fillas de Ania, evocadas por Ovidio nas súas metamorfoses, renacen "a través da imaxe do cíborg para romper coa diferenza de xénero sexual que determina un modelo de xerarquía e un intrumento de dominación", sinala a autora.
O conxunto de ensaios intenta trazar un percorrido libre por distintas obras da tradición occidental, a través do diálogo entre a literatura e a música e as artes visuais de diferentes tempos e lugares, dende a perspectiva das mulleres.
A misteriosa raíña de Mallorca ou o poema "Dona Flamenca" de Cunqueiro son temáticas que guiaron as reflexións da poeta dende 1998 ata o 2004, anos que lle serviron para compor "unha autobiografía intelectual de intereses que teñen un mesmo fío conductor: a construción da muller como produto da historia", explica.
O ensaio complétase cunha orixinal aproximación ao pensamento literario de Virxinia Woolf ou a análise da fuxida dos discursos filosóficos e artísticos do amor na sociedade contemporánea.
De feito, a propia escritora destaca que o amor "é un tema central do libro porque é un concepto herdado dentro do que atopamos unha galería de situacións para emancipar ou dominar". Dende un pensamento "aberto á imaxinación-que entende como "unha forza política"- María revindica a forza para "perderlle o medo a falar sobre o amor, un tema que reina na televisión ou na música popular, pero que estivo pechado durante moito tempo no terreo do ensaio".
Un tema especial que trata neste As terceiras mulleres é a canción de temática amorosa interpretada por mulleres cubanas, sobre todo, a través dos "boleros compostos por mulleres de Cuba" que Cebreiro considera "unha derivación do petrarquismo, a tradición masculina por excelencia pero transpostas agora á muller", conclúe.

Galicia Hoxe 20.04.2005
V. Oliveira

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR