Un ensaio sobre a emigración gaña o Ramón Piñeiro

Categoría: Nova

Convocado por Editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2006 foi para Psicopatoloxía do retorno, de Alexandre García-Caballero e Ramón Area Carracedo. Na súa VI edición o xurado estivo composto por Benxamín Casal, Susana Reboreda, Ramón Villares, Víctor F. Freixanes e Carlos Lema como secretario do xurado.

O xurado destacou que este libro abre o xénero do ensaio a outros campos do saber como a medicina e a psiquiatría, e enfoca un tema tan importante para a sociedade galega como é o da emigración desde un punto de vista absolutamente orixinal.

Os autores, que traballan como psiquiatras, baseánse nas narracións dos emigrantes retornados, relatos autobiográficos influidos por guións culturais que é importante ter presente. Na nosa emigración, quizais en todas, a peripecia funciona como un rito de paso.

Ao carón das complicacións persoais, os autores de Psicopatoloxía do retorno destacan a importancia social dos emigrantes que volven: "Moitos dos nosos emigrantes teñen a sensación de que sobran, de que non hai lugar para eles. Pensamos que están trabucados. Afeitos como están a gañar o pan en situacións de libre competencia, valoran os méritos e o esforzo persoal máis que cousa ningunha, ese é o cerne da súa identidade. Unha identidade allea a nacenza, construida a pulso. O retorno é un fenómeno silandeiro, debe deixar de selo. Temos que escoitar atentamente, porque a carón de nós, hai xente que fala con acento de Berna ou de Buenos Aires, xente que aprendeu moitas cousas importantes para este país, e que merecen que o aproveitemos".

Alexandre García-Caballero (Vigo, 1972) é especialista en psiquiatría e Doutor en Medicina. É autor de numerosos artigos internacionais sobre avaliación cognitiva e outros temas relacionados coa saúde mental. Exerce a súa profesión no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Ourense. Na actualidade é secretario da Asociación Galega de Saúde Mental e colabora coa Universidade de Vigo e de Santiago na docencia de terceiro ciclo.

Ramón Area Carracedo (Ourense, 1969) é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, fixo a especialidade en psiquiatría na cátedra do Profesor Rodríguez. Traballa na sanidade pública no Servizo de Psiquiatría do Hospital Xeral-Calde, en Lugo. É autor de varios libros e numerosos artigos sobre diversos trastornos mentais.

Por primeira vez o premio está dotado coa cantidade de 6000 €, dobrando así a anterior dotación

Comparte nas túas redes sociais ou por email