Un diagnóstico da situación

Categoría: Nova

Na Escola de Administración Pública Galega, nun acto presidido polo conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, os xornalistas tiveron oportunidade de debatir cos autores algúns dos puntos críticos da actual situación económica de Galicia, nun animado cambio de impresións que se prolongou durante case dúas horas.

"A realidade da economía galega necesita ser rescrita cunha ollada independente e autónoma, logo de todos estes anos de propaganda triunfalista, para dese xeito poder abordar un plan estratéxico novo que, na nosa opinión, debería considerar o sector público coma un motor de transformación e un apoio estratéxico fundamental", comentaron os autores.

Ademáis dos citados profesores, colaboran neste traballo os investigadores Albergo Gago Rodríguez, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Vigo, Xabier Lavandeira e Santiago Lago Peñas, membros do departamento de Economía Aplicada da mesma universidade, e Manuel Lago Peñas, que foi responsable do gabinete técnico de CCOO en Galicia.

As infraestruturas de comunicación e transporte (portos, estradas e ferrocarril, sobre todo), as novas tecnoloxías, o investimento necesario en I+D, a sanidade pública, a solvencia financeira da administración, a configuraciòn das grandes áreas metropolitanas, etc., foron algúns dos puntos abordados. Trátase dunha primeira achega, a xeito de ferramenta de análise, para comprender a situación económica e poder actuar sobre ela. Neste sentido, o conselleiro Méndez Romeu agradeceu o criterio independente dos autores, "á marxe de que se poida estar ou non de acordo con algunhas propostas concretas que se fan".

Galicia ten que apostar con decisión por un novo modelo de desenvolvemento, fundamentado na eficiencia, na investigación e na especialización. Foi unha das afirmacións que se fixeron. Máis coñecemento e menos cemento. Seguimos con deficiencias moi grandes no investimento en I+D: 0,8% sobre o PIB no ano 2003, fronte á media española de 1,1% e fronte ao 2,2% dos países da OCDE. Cómpre apostar por unha economía dos resultados, non só pola economía do esforzo. Debemos superar a política de "choiva fina" para todos, que foi o que se veu facendo ata agora, e apostar decididamente por proxectos ambiciosos e especializados. Unha política fiscal e económica axeitada é fundamental para unha autonomía eficiente e ao servizo dos intereses da cidadanía…

O libro configúrase coma un manual de traballo para as universidades e, ao mesmo tempo, coma un guieiro útil para todas as persoas interesadas na situación económica actual de Galicia e nas súas posibilidades na década inmediata.

Os datos do diagnóstico describen moi documentadamente a realidade galega ata o ano 2004, punto de inflexión do que consideran un novo tempo de esperanza e de compromiso. "O que durante anos foi configurándose dun determinado xeito non vai mudar en doce meses, pero deben establecerse as grandes liñas estratéxicas para un cambio modernizador".

Comparte nas túas redes sociais ou por email