Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño

Categoría: Nova

Estes días está chegando ás librerías de todo o país a novidade editorial, dentro da nosa colección Letras Galegas, 'Un chapeu negro e un nariz de pallaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño', de Montse Pena Presas, responsable do texto, e Gonzalo Enríquez Veloso, autor do documental que acompaña o libro.
Estamos diante dun libro-DVD con dúas realidades e un único obxectivo. A primeira realidade está na pantalla, da man do interesante documental de Gonzalo Veloso; onde a familia, os amigos, os compañeiros de profesión e as investigadoras miran baixo o chapeu negro para relatar quen era en realidade Roberto Vidal Bolaño, amosando unha singular visión que, sen dúbida, axudará a comprender mellor a súa obra.
A segunda realidade está no libro, no texto escrito por Montse Pena Presas, que tenta desvelar que hai detrás do nariz de pallaso, achegando dun xeito lúdico e rigoroso as caractarísticas principais da produción do dramaturgo, sen esquecer o director de escena.
Imaxe e palabra fúndense para conseguir que calquera lectora, calquer espectador, remate o DVD e peche o volume pensando, unicamente, en mergullarse nas pezas dramáticas de Roberto Vidal Bolaño. Dende o patio de butacas ou a través dun libro. Porque o teatro achega, tamén, esas dúas máxicas posibilidades.

Comparte nas túas redes sociais ou por email